Cruceiros de Soutelo de Montes
Tanto a cruz como o seu Agnus Dei, son os dous únicos elementos que chegaron ata nos dende a época medieval procedentes da antiga igrexa da Madalena de Montes. A inicios dos anos sesenta, desfixeron a igrexa desta parroquia que procedía do século XVIII e que fora levantada no mesmo lugar ca súa anterior románica, con toda probabilidade, do século XII. Tanto a cruz como o Agnus Dei que debuxou Castelao para o seu libro “As Cruces de Pedra na Galiza” (1) estaban colocados sobre o lintel da vella reitoral da Madalena, situada na parte oriental do adro. Despois de toda a desfeita que asolou á vella igrexa, o seu Agnus Dei coa súa cruz ó lombo, foron colocados sobre o lintel que da acceso á nova reitoral, e alí están, mirando como o sol se ergue cada mañá, por detrás do Testeiro.

Na actualidade, esta cruz, é a única peza deste tipo, procedente da época medieval, que se conserva en toda a Terra de Montes.

CRUCEIRO DE SOUTELO DE MONTES

Este cruceiro está situado na pequena Praza da Constitución en Soutelo de Montes, praza que foi a praza do concello de Soutelo de Montes – Pardesoa, con nome de praza da Constitución en honra a Constitución de 1812 tal e coma atestiguaba un antiguo escudo, hoxe perdido, nesta praza desemboca o Camiño Real, moi cerca de onde estivo a Fortaleza de Montes, despois de que os Xuíces Meiriños cambiaran para este lugar a súa residencia deixando abandonada o Castelo do Castro de Montes.

O cruceiro está montado sobre unha plataforma de dobre escaleira coas arestas baquetoneadas. A base de sección cadrada, coas arestas superiores marcadas cun gran chafrán. A vara, de gran alzado é de sección cilíndrica con estrías verticais e horizontais, o que lle da a superficie un acabado como de escamas rectangulares. O capitel, na parte baixa da cesta está formado por dúas fileiras de follas de acanto e na parte alta por volutas nos ángulos superiores e rostros de anxos con grosas fazulas, nas catro caras.

O Cristo de excelentes proporcións e moi equilibradas, leva a cabeza case ó medio, o corpo totalmente pegado á cruz, as pernas dobradas á altura dos xeonllos e pano de pureza anoado á dereita. No reverso vai unha Virxe de longo manto que se abre sobre unha cabeza de anxo que lle fai de peaña; o vestido estriado e as mans, cos dedos cruzados.

Cruceiros de Soutelo de Montes

PETO DE ÁNIMAS DE SOUTELO DE MONTES

Este peto de ánimas está situado á beira da estrada N. 541, no medio do pobo de Soutelo de Montes, case nos lindes do campo da feira, que era un espazo de gran concorrencia de xente, foi trasladado na construcción da praza dos gaiteiros, xa que antes estaba situado no outro lado da estrada. Hoxe restaurado.

Cruceiros de Soutelo de Montes

Componse de dous corpos: o primeiro, feito de lousa mesturada con cachotería e o segundo de granito, que abre no centro unha fornela de arco de medio punto coas arestas matadas en baquetón cun xunquiño. No interior da parte baixa leva a caixa das esmolas, feita de cemento e coa porta de ferro rota. Na parte alta, que era onde estaba a imaxe da Virxe, desapareceu hai máis de medio século. Orixinariamente, tamen tiña enreixado de ferro e peto de limosnas, que desapareceron durante o último traslado. Na parte frontal pódese ler: ESTA OBRA SE HIZO A DEVOCIÓN DE LIZENCIADO DN PEDRO DE PORTO POTO CARIDE AÑO 1832.

PETO DAS ANGUSTIAS DE SOUTELO DE MONTES

Este peto das angustias de Soutelo de Montes está colocado sobre un muro entre dúas casas, no Camiño Real, a caron da prazuela onde estivo a derradeira residencia dos meiriños de Montes.

Consta dunha fornela que garda no seu interior, resgardado por unha reixa e un cristal, unha imaxe policromada da Virxe da Piedade cun Cristo sobre a súa aba. Na actualidade este peto está completamente pintado de branco, dando a impresión de que está feito de cemento, cando en realidade é de granito. Non ten caixón de esmolas pero si, flores e velas no seu interior, como signo de devoción popular.

Cruceiros de Soutelo de Montes

CRUCEIRO PARROQUIAL

Está situado na parte norte do adro da igrexa de Soutelo de Montes. Foi levantado a comezos dos anos 60 do século pasado, que foi cando se fixo a actual igrexa de estilo modernista.

Cruceiros de Soutelo de Montes

Foto de Virgilio Vieitez

CRUCEIRO DE CODESAS

Na aldea de Codesás (Trasdomonte). Érguese sobre un pedestal case completamente enterrado. A base, de sección octogonal con fuga ó interior, ó xeito dunha moa de muíño. A vara de importante altura, ten sección octogonal e o capitel, moi sinxelo, está realizado, con diversas moldura, en planos superpostos. A cruz, lixeiramente inclinada, sen imaxes e coas arestas biseladas.

CRUCERO DA MADALENA

No lugar onde está situado este cruceiro, estivo ata mediados dos anos 60 do século pasado, a igrexa parroquial de Santa María Madalena de Montes.

A igrexa foi totalmente destruída e parte das súas pedras usaronse na construcción da nova reitoral que se edificou en Soutelo de Montes. Sobre o lintel da súa casa reitoral conservouse tamén ata esas datas, a cruz medieval que sobre o Agnus Dei vixiou os andares dos veciños deste lugar. Na actualidade, este Agnus Dei e a cruz de lóbulos que leva ó lombo, e debuxou por dúas veces Castelao, no seu libro “As cruces de pedra na Galiza”, consérvase na actualidade, enriba do lintel da cancela que da acceso á nova reitoral.

En canto o cruceiro carece de escaleiras e vai montado sobre un pedestal modulado. Ten vara octogonal e capitel formado por follas planas moi ben elaboradas con bólas na parte baixa da cesta e na parte superior, leva volutas moi deterioradas nos vértices e unha cabeza no medio de cada cara. A cruz é cilíndrica con nodosidades e presenta pola cara meridional, un Cristo moi deteriorado, non só polo tempo, senón tamén polas roturas que presenta. Está pegado con cemento de xeito moi rudo á altura do anel, despois do arranque da cruz, na parte superior do peito e un pouco máis abaixo da cartela do INRI, totalmente borrosa. A cabeza do Cristo, ten un lixeiro desvío cara o lado esquerdo e o pano de pureza, vai anoado á dereita. Polo reverso leva unha imaxe da Virxe ataviada con colar e vestida con amplo e longo manto en forma de campá, traxe sen pregues e apeada sobre a cabeciña dun anxo e mostrando as puntas dos pés. Como sucede con todo o monumento, a faciana desta imaxe tamén está bastante deteriorada.

Hai que facer notar, que este cruceiro está moi mal reparado, temos que sinalar que este cruceiro non está no seu sitio orixinal senon que foi trasladado unha vez que se cometeu o vergoñento derribo da vella igrexa parroquial. Precisa unha restauración axeitada.