Paseo pola parroquia de Xirazga (Beariz)
Queremos dar un paseo pola parroquia de Xirazga ollando o arte relixioso desta parroquia de Beariz. Xirarza non existe como pobo senon que é unha parroquia que esta composta polas seguites aldeas: Abeleira, Framia, Correa, Alén, Doade, A Cabada e Doade Grande.

IGREXA PARROQUIAL DE SAN SALVADOR DE XIRAZGA

O Cardeal del Hoyo, no ano 1607, cando se refire á parroquia de San Salvador de Xirazga, di o seguinte: “Hay en esta feligresía cuarenta feligreses. Los fructos todos lleva el rector, que valdrán treinta cargas de pan. Presentación de legos y un tercio del monasterio de Aceveiro. La fábrica tiene de renta dies y seis ferrados de pan. Hay una hermita de Santo Domingo en el monte”.


Igrexa de San Salvador de Xirazga

(Igrexa de San Salvador de Xirazga)


A torre-campanario é de dous corpos. O primeiro, de sección cuadrangular con cornixa modulada, sen balaustrada polo exterior, abre catro arcos de medio punto peraltados en cada unha das caras, onde se acubillan as campás. O segundo corpo, tamén de sección cadrada apea sobre cornixa modulada e abre outros catro arcos máis pequenos de semellante directriz. Remata nun casquete con cruz de pedra no ápice, e pararraios moderno, á beira. A fachada, de perpiaños perfectamente concertados, presenta a cada lado, á altura do arranque da torre, un medallón, debaixo dunha cornixa modulada,  que  fai de tornachoivas polos aleiros. Debemos subliñar aquí que a  primeira torre foi derrubada por un raio no derradeiro cuarto do século XIX e levantouna  o mestre canteiro Xosé Cerviño García, autor tamén do cruceiro que hai á entrada do camposanto. Esta torre, foi de novo derrubada por outro raio e ergueuse  novamente na década dos oitenta do século pasado, que é a que luce na actualidade.


Entrada da igrexa de San Salvador de Xirazga

(Entrada da igrexa de San Salvador de Xirazga)

Esta igrexa está lixeiramente orienta de norte a sur. Ten planta de cruz latina cun pequeno saínte a cada lado, ó xeito de capelas, que son as alas do presbiterio. A sancristía vai acaroada ó testeiro da ábsida. Polo setentrión presenta un arco de medio punto rematado en aresta viva e apeado sobre ábacos modulados que forman parte do muro. No interior do arco, ábrese unha porta rectangular cunha pequena tala  na clave do lintel, formado por doelas en liña, que representa unha flor de lis e dous talos cruzados e decorados con follas; as xambas lisas. Sobre o pórtico abre unha fiestra rectangular enmarcada e sobre esta, unha pequena fornela, rematada en cuncha de vieira onde se acubilla o Divino Salvador.


Cruceiro de Xirazga de Xosé Cerviño e pia bautismal

(Cruceiro de Xirazga de Xosé Cerviño e pia bautismal)


Tanto os muros da nave coma  da ábsida e os da sancristía están fabricados en cachotería de lousa, salvo os esquinais, que son de granito, o mesmo co arranque dos muros, que van apeados sobre dúas fileiras de perpiaños perfectamente aliñados.

A nave polo lado occidental abre dúas fiestras con dobre verteluz, e outra no testeiro do brazo do presbiterio. A sancristía, do mesmo ancho que a nave, vai acaroada ó testeiro da ábsida e está completamente cegada.  O muro oriental, en todo  semellante ó descrito, salvo que por este lado abre ademais unha porta travesa con lintel recto e  xambas de perpiaños.

É no interior ode mellor se aprecia  a planta de cruz latina que ten esta igrexa. A nave divídese en tres panos separados por un par de arcos de medio punto rematados en aresta viva; van apeados sobre ábacos de planos superpostos e rematados en medallóns colgantes. Os ábacos proxéctanse por todo o paramento e so se rompen nas bóvedas do cruceiro e nas fiestras, estas con verteluces moi pronunciados ó interior. Cúbrese con bóveda de canón fabricada en perpiaños perfectamente concertados e o paramento de cachotería, salvo os esquinais que son de granito a corte. O tramo do cruceiro cúbrese con bóveda de aresta pouco pronunciada e igualmente a ábsida, á que se accede por medio dun arco de triunfo que segue a mesma altura e directriz cos arcos faxóns da nave. Paralelo ó arco de triunfo hai outro semellante que vai acaroado ó testeiro do coro co que se forma a fábrica. Tanto este arco como o de triunfo apean sobre pilastras con ábacos similares ós descritos e ataviados na parte inferior con medallóns. Cúbrese con bóveda de aresta pouco pronunciada. Abre a cada lado sendas fiestras rectangulares con verteluces ó interior. O paramento tamén de cachotería.

As capelas son de bóveda de canón sen arco de triunfo e apean directamente sobre os riles do paramento. Abren no testeiro cada unha delas unha fiestra rectangular con verteluces ó interior. O piso, de granito. A tribuna de pedra, completamente plana e apeada en dous contrafortes que se proxectan en diagonal dende os muros. Accédese a ela por medio dunha escaleira de caracol e recibe a luz a traveso dunha fiestra de arco de medio punto abucinada  ó interior.

O retablo é de pedra e componse de tres rúas. Cada unha das laterais leva no medio unha fornela con arco de medio punto rematado en aresta viva e na parte inferior ábrese unha porta rectangular a cada lado, coas xambas lisas que dan acceso á sancristía. Na fornela oriental está a Virxe do Rosario e na occidental, san Roque. A rúa central está formada por un arco de medio punto rematado en aresta viva e vai ataviada na parte alta por unha cornixa modulada de planos superpostos que se imposta ata os ábacos dos arcos do coro. Toda esta estrutura apea sobre dous pares de columnas monolíticas de sección cilíndrica; os capiteis ataviados con círculos con botón central e talos rematados en espiral; as bases de perfil ático cos plintos lisos. A parte superior é completamente lisa e está decorada cun mural. No centro leva a pomba que representa ó Espírito Santo e a cada lado un anxo en ademán de adoración.


CAPELA DE NOSA SEÑORA DO CARME DE DOADE

Na visita que fixo á parroquia de S. Salvador de Xirazga, o día primeiro de agosto do ano 1778 o Ilmo. señor. D. Xoán Vara  Fondevila, visitador do Arcebispo D. Francisco Alexandre Bocanera y Guinaga,  di o seguinte, ó referirse á capela de Nosa Señora do Carme de Doade: “Esta se halla en el sitio de la feria que llaman Doade, fe. de la Parroquia. Es de los vecinos sin renta ni patronato alguno; solo se celebra en ella Cofa. el día de la adicación. La asiste el diestro y suministra de lo necesario. Solo necesita dorar el cáliz y patena y aderezar el techo, asegurar el balaustrado, poniendo la puerta segura con su cerradura. Blanquearla por adentro y calear por fuera todo lo que dispondrá el cura se egecute a costa de los efectos de la Cofradía y limosnas y lo que queda a ella queda dispuesto en el comportamiento de Cuentas de este auto”.


Peto das animas de Doade

(Peto das animas de Doade)

Na visita que fai no ano 1785 o visitador D. Sebastián Malvar y Pinto, tamén á parroquia de Xirazga, sendo cura desta D. Antonio Sieyro, di ó referirse á capela do Carme: “…se  halla decente y se han hecho los arreglos mandados en la anterior visita y S. I. manda al cura cuide de lo que le entre siempre”. (2).

Non atopamos nos libros a data da súa construción pero polas referencias que temos nos libros parroquiais podemos encadrala a mediados do século XVII e non antes porque a comezos de ese século o Cardeal del Hoyo, cando visita a parroquia de Xirazga, non fai mención desta capela, e si da de Santo Domingo,  que di, referíndose a ela:  “hai una hermita de Santo Domingo en un monte”.(3).

Está situada, esta capela, na carballeira centenaria  de Doade, á beira da estrada que comunica Beariz con Ponte Caldelas. Trátase dunha pequena igrexa cunha soa nave de planta rectangular e presbiterio cadrado, lixeiramente máis ancho ca nave, á que se une directamente. A fachada occidental apea sobre un pequeno ribanco. Está fabricada en granito concertado e os esquinais que sobresaen tres centímetros, enmarcan todo o paramento. Abre, na fachada occidental, unha porta rectangular con lintel de sete pezas colocadas ó xeito de cuñas. Polos laterais leva unha cornixa en cimacio de cuarto de círculo á cada lado e remata nas esquinas con pendóns con bólas e planos superpostos. A espadana leva orelleiras na base e cimacio con remate de bólas na parte superior.  Abre no centro, un arco de medio punto moi peraltado onde acubilla unha campá, e sobre este, como remate, un triángulo con bóla e cruz de ferro con “irradiacións” no ápice.

Capela de Doade na carballeira da feira

(Capela de Doade na carballeira da feira)

A cornixa da nave, igual ca do presbiterio van en cimacio. O resto do paramento, tanto da nave coma do presbiterio son de cachotería.

A nave abre polo muro norte unha fiestra con dobre verteluz e polo lado sur outra similar con porta travesa simple.

O presbiterio, como xa se dixo, de planta cuadrangular, abre dúas fiestras abucinadas a cada lado e unha pequena  no testeiro. Está fabricado con cachotería, salvo os esquinais, que son de granito concertado.

No interior, a nave divídese en catro panos separados por tres arcos faxóns apuntados e rematados en aresta viva. Ambos apean sobre ábacos de chafrán e van montados sobre pilastras rectas da mesma anchura cos arcos. O arco de triunfo é da mesma altura e traxectoria cos do resto da nave. Tanto as pilastras como os ábacos son tamén similares ós descritos, salvo que levan no frontal unha pequena decoración de tres cadradiños. O presbiterio a cada lado abre unha fiestra con dobre verteluz. Tanto este como a nave, cúbrense con bóveda apuntada completamente encalada, igual cos muros. Só están á vista os arcos, os ábacos, as pilastras e os encadres das fiestras. O piso, de baldosa moderna. O testeiro está tapado por un pequeno retablo de madeira e a cada lado leva unha porta que dá acceso á sancristía, esta tamén se cubre con bóveda apuntada e aplanada; os muros igualmente aplanados.


CAPELA DE SANTO DOMINGO (Xirazga)(1797-1802-1857)

A capela de Santo Domingo (como así é coñecida nesta terra), está chantada no medio da carballeira do mesmo nome, actualmente dividida por unha estrada con asfalto, que comunica Doade con Presqueiras e a Portela da Cruz, xustamente no derradeiro ou primeiro monte, segundo se mire, da Serra do Suído, entre o Coto do Covelo (890 ms.) e o Outeiro Grande (848 ms.) Na parte suroccidental da carballeira áchase unha enorme mámoa, profanada con anterioridade e tratada de recuperar e restaurar recentemente.

Capela de Santo Domingo. Xirazga

(Capela de Santo Domingo. Xirazga)

As primeiras novas que temos dunha capela neste lugar datan do ano 1607, e débenselle ó cardeal Gerónimo del Hoyo, onde relata que “…en la parroquia de San Salvador de Girasga hai una hermita de Santo Domingo en un monte”. (1)

Posiblemente nada queda da construcción da que nos da conta o cardeal del Hoyo, porque no ano 1797 dan comezo as obras de reedificación da capela actual, que durarán, as da primeira fase, ata o ano 1802, para rematar definitivamente  no  ano 1857.

A edificación é de estilo barroco popular. Abre na fachada occidental  unha porta rectangular coas xambas rectas e orelleiras. Sobre esta, unha fornela que acubilla unha imaxe de San Domingos, labrada en pedra. Todo o paramento está enmarcado entre dúas pilastras rematadas en pendóns con bólas e unha imposta en cimacio como tornachoivas na parte superior dos muros e no fronte leva dúas ménsulas con tacos.

No centro érguese a torre de planta cadrada con dous corpos. O primeiro presenta catro arcos de medio punto moi peraltados, onde no frontal se acubilla unha pequena campá; os demais baleiros. O segundo corpo, de base octogonal abre tamén catro arcos de medio punto e remata nun pequeno casquete coroado por un pendón cunha cruz de ferro no ápice. Únese á fachada por medio dunha  cortina que vai colga da parte superior. Toda esta edificación é de granito concertado de gran moi groso.

Carballeira de Santo Domingo dende a mamoa

(Carballeira de Santo Domingo dende a mamoa)

Os muros da nave, fabricados en perpiaños de lousa, primorosamente picada, abre unha fiestra rectangular a cada lado, enmarcadas en granito. No muro sur hai unha porta travesa cegada e polo lado norte, que leva acaroada unha construción moderna, de fábrica escandalosamente fea, serve como casa de obra, venda de cera e outros pormenores. A ábsida rectangular, lixeiramente máis ancha ca nave, únese a esta directamente e leva no testeiro, de construción máis baixa, a sancristía, que nos lembra a igrexa de Cerdedo, lugar de procedencia, como veremos máis adiante, de varios mestres desta obra. Abre a ambos lados, sendas fiestras que iluminan o interior do presbiterio e presenta un par de grosos contrafortes que arrancan dende o chan, moi anchos para rematar en diminución. A cornixa é de granito con moldura en cimacio. A sancristía polo lado sur abre unha porta e no lintel leva unha inscrición: AÑO D 1821, cos números enmarcados. No interior, a capela presenta planta de cruz latina con catro tramos e cos brazos recortados. Os dous primeiros tramos corresponden á nave, onde no máis occidental vai a tribuna;  no terceiro vai o cruceiro e no cuarto o presbiterio. Accédese a este por medio dun arco de triunfo, rematado en aresta viva. Paralelo a este hai outro arco faxón da mesma directriz, arrimado ó muro do testeiro. Ambos apean sobre pilastras cos ábacos en cimacio e estas, sobre ribancos, todos  rematados en aresta viva. Ós dous lados do testeiro ábrense sendas portas que dan acceso á sancristía, e este presenta no resto do paramento, un retablo de pedra policromado de dous corpos, separados por unha imposta de tacos e un friso ataviado con elementos vexetais. Cada corpo componse de tres panos. O pano central do inferior, consta de dous pares de columnas monolíticas cilíndricas, capiteis xónicos e bases de perfil ático que sustentan un templete, ó xeito de fornela na que descansa o Santo Patrón. Os panos laterais levan sendas peañas ataviadas na parte superior con cunchas. O pano central do corpo superior leva tamén un templete sostido por un par de columniñas monolíticas cilíndricas con capiteis tamén xónicos que enmarcan unha fornela. A ambos lados do ápice, dous anxos mutilados. Nota:  A táboa completa de artistas e artesáns que traballaron na igrexa parroquial de San Salvador de Xirazga e na capela de San Domingos, ata 1860, están publicados no libro : “Ermita y Romería de Santo Domingo de Xirazga, una Devoción Mendicante en un Medio Rural entre Dos Mundos” de D. Enrique Bande e Carlos Tain. Paxs. 126 á 133, editado polo Concello de Beariz. 1994.